Friday 03 de May de 2024

O Concello Lousame investirá 146.000 € do POS+2022 a melloras de camiños e espazos públicos e destinará 165.000 € a gasto corrente


Villaverde lamenta “a importante diminución dos fondos achegados este ano, que son 160.000 euros menos co ano pasado e case a metade dos que recibimos no ano 2018 “

O pleno municipal de Lousame aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía para o Plan Único de Concellos “POS+ 2022”, que ascende a 324.062,51 euros, así como os 57.719 euros da achega extraordinaria para gastos sociais. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, lamentou “a importante diminución dos fondos achegados este ano pola Deputación, que son 160.000 euros menos co ano pasado e case a metade dos que recibimos no ano 2018”.

O Concello de Lousame destinará os 146.782,7 euros da Achega Provincial 2021 a obras. Concretamente acometerase a mellora do camiño de Portela a Seixido (65.814,61 euros) e acondicionarase un espazo público en Pousada (80.968,09 euros). Os 164.911,45 euros da Achega Provincial 2022 serán destinados a gasto corrente.

Finalmente, o Pleno aprobou tamén un Plan Complementario por importe de 191.875,96 euros que inclúe catro actuacións de mellora de accesos e do interior de núcleos de poboación:
– Pavimentación dos accesos a Burzó e á costa da Escabia, por 48.399,73 euros.
– Pavimentación interior da Aldea Vella en Gandarela, por 46.008,92 euros.
– Pavimentación interior de Camboño, por 67.467,31 euros. “Será a primeira das tres fases nas que pretendemos mellorar o interior de Camboño”, puntualizou Villaverde Pais.
– Pavimentación de viarios no núcleo de Baudeles, 30.000 euros.

No debate, o voceiro do BNG, Anxo Moledo, puxo en dúbida as cifras ofrecidas pola alcaldesa: non diminúe a metade de 2018, porque despois imos aprobar o POS Adicional para servizos sociais e con esas contías non dan esas cifras. Hai menos POS pero non diminúe á metade fronte ao ano 2018”. A alcaldesa de Lousame reafirmouse nas súas afirmacións adiantando que “no seguinte punto imos aprobar o Plan Adicional que o ano pasado era de 116.000 euros e este ano é de 57.000 euros. Eu digo o que sucede, non invento datos e vostede ten todos os datos ao seu dispor na propia web da Deputación”.

Así, o POS 2022 do Concello de Lousame ascende a 324.062,51 euros (381.781,52 euros se engadimos a achega extraordinaria para gastos sociais). O POS 2021 chegara aos 424.912,09 euros (540.977,53 euros se sumamos a achega extraordinaria para gastos sociais). No caso do POS 2018, Lousame recibira un total de 627.015,86 euros.

Gasto social

No seguinte punto, o Pleno aprobou por unanimidade e sen debate a proposta da Alcaldía para os 57.719 euros da achega extraordinaria para gastos sociais: 42.920 euros serán destinados a atención da dependencia e o resto a contratación de persoal de apoio á dependencia. Teresa Villaverde lamentou a redución desta partida, dos 116.065 euros de 2021 aos 57.719,01 euros deste ano, xa que “a Covid sigue existindo e con ela chegan gastos extraordinarios aos Concellos. Por exemplo: as baixas de traballadores/as nos servizos sociais que hai que cubrir”.

Mocións do Partido Popular

Tras dar a coñecer a redución do Período Medio de Pago a 18,42 días, o pleno debateu e aprobou tres mocións presentadas polo Partido Popular, toda vez que PSOE e BNG non presentaron ningunha. A primeira moción, de apoio á Atención Primaria, instaba ao Goberno a eliminar a taxa de reposición de facultativos, a convocatoria de máis prazas MIR e a habilitación de centros de saúde para acreditar a formación de novos especialistas. A moción foi aprobada cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e o voto en contra do BNG. Anxo Moledo lamentou que “estamos formando médicos para que despois outros países se beneficien” e asegurou que “o PP é a enfermidade deste país”, ao que Teresa Villaverde respondeu “pois debería vacinarse contra esta enfermidade porque nós temos a intención de seguir traballando pola veciñanza moito tempo e seguir construíndo hospitais”.

A moción de apoio ao sector lácteo saíu adiante cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE, pois “non é máis ca publicidade porque levamos oíndo estes temas de creación de grupos de produtores e do Observatorio Galego dende hai moito tempo”, explicou o vicevoceiro socialista, Julio Paradela. O PP insta ao Goberno a habilitar os mecanismos necesarios para que todos os elos da cadea produtiva cobre un prezo que cubra os custes de produción, “especialmente os gandeiros, pois son o elo máis feble da cadea”, puntualizou Teresa Villaverde.

Finalmente, o Pleno aprobou unha terceira moción para esixir o cese do ministro Garzón polas súas palabras contra o sector cárnico nacional. Os populares esixiron o cese do ministro así como unha inmediata rectificación e unha campaña de apoio ao sector. A moción saíu adiante cos votos en solitario do PP, xa que PSOE e BNG votaron en contra. Julio Paradela asegurou que “a moción está obsoleta, pois o presidente e o ministro de Agricultura xa rebateron as declaracións de Garzón”. Pola contra, Anxo Moledo defendeu ao ministro fronte ás “palabras manipuladas polo PP. Non falaba do sector, so das macrogranxas”.